Francisco Xavier Alcalá Navarro, máis coñecido como Xavier Alcalá, nado en Miguelturra (Cidade Real) o 19 de agosto de 1947, é un escritor galego.
Viviu en Ferrol dende a infancia, e estudou no Instituto Concepción Arenal desa vila. Estudou Enxeñaría de Telecomunicacións na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e Sistemas de Telecomunicación da Universidad Politécnica de Madrid. Doutorouse en Informática no Departamento de Electrónica e Sistemas da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Foi profesor asociado de dita facultade, e impartiu docencia tamén na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade Católica Arxentina e a Escola de Organización Industrial de Madrid.
Traballou como auxiliar de laboratorio en Generale di Telefonia de Elettronica (1973-74), foi enxeñeiro de mantemento en Onuba (Teledyne Isotopes) (1974-75), director técnico rexional da Compagnie Xeral de Radiologie (Thomson-CSF) (1975-77), delegado rexional de Hispano Electrónica (1977-81), director comercial de Gaélico (1981-84), delegado técnico-comercial de Sintel (1984-86), director técnico da Compañía de Radio-TV de Galicia (1986-88), subdirector de Sintel Noroeste (1988-94), consultor asociado a Lógica Sistemas de Información (1994-95), director técnico do Centro de Innovación e Servizos de Galicia (1995-2003), conselleiro de Emetel Sistemas e asesor de Tecnoloxías da Información e a Comunicación do Centro de Innovación e Servizos de Galicia.
Colaborou con xornais como El Correo Gallego, El Mundo, Diario de Ferrol e La Voz de Galicia. Entre 1976 e 1979 foi responsábel da sección Arco da Vella en El Ideal Gallego. No Grial 229: O país dos alcumes.
Foi o primeiro presidente da AGAL. Escribiu cancións para Andrés do Barro, como "Teño saudade", "A uns ollos verdes", "Rapaciña" ou "Fogar de Breogán".
- via Goodreads